Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023. O 19 de xaneiro do 2018 marcou o inicio dun capítulo significativo para a economía social en Galicia co xurdimento do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal), o resultado da unión das cinco entidades representativas do sector: a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal), a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Espazocoop, Unión de Cooperativas Galegas, e a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal).
O seu obxectivo primordial radica en visibilizar e achegar a economía social ao ámbito político, económico e social galego. Como apunta o presidente de Cegasal, Mino Martínez, “o Foro foi un punto de inflexión na demostración da unidade das familias da economía social galega e supón unha ferramenta moi potente para dala a coñecer”.
“A Cegasal permitiunos chegar institucionalmente a moitos sitios, aos que nós, como unha soa familia, nos custaba máis acceder”, aprecia Martínez respecto á función de voceiro do Foro. Para el, Foroesgal non só representa unha alianza estratéxica, senón tamén un espazo onde se xestan propostas concretas para mellorar as condicións das empresas e entidades que conforman a economía social. Un exemplo é o papel fundamental que está a xogar, xunto coa Confederación Empresarial Española da Economía Social (Cepes), para que a lei estatal da economía social sexa unha realidade. Dita norma suporá importantes e beneficios cambios para o sector e o recoñecemento dos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social (CEEIS) como os verdadeiramente pertencentes á economía social.
En canto á visibilidade, o presidente de Cegasal observa como nos últimos anos se valoran máis estas fórmulas empresariais, tanto no eido da administración pública como da empresa privada. Un avance froito da intercooperación, pois “o foro é o exemplo da típica frase ‘A unión fai a forza’”, di Martínez. “Todos traballamos porque a economía social se faga máis forte. Trátase dunha unión de criterios, de apoios”, engade.
Foroesgal é un motor de cambio e progreso para a economía social galega. Un actor chave na consolidación dun modelo económico que antepón ás persoas ao beneficio económico, impulsa o desenvolvemento sostible e promove a equidade social.
Hoxe, este “organismo de peso en Galicia”, como o define Martínez, representa a máis de 4.780 entidades que xeran máis de 24.900 postos de traballo.